O mar é para moitas das nosas parroquias a maior fonte de recursos. Sabemos o que nos aporta e, por experiencia, os riscos que corren os que saen cada día ou os que se enrolan nas grandes mareas, de meses sen voltar ás súas casas. A parroquia de Santa Uxía de Riveira, onde a maior parte da xente vive do mar, coñece a dor pola que están pasando as familias dos tripulantes e mariñeiros do Villa de Pitanxo, pesqueiro con base en Marín. Consternados pola noticia expresamos a nosa cercanía e agarimo aos supervivintes, ás familias dos falecidos ou desaparecidos e a todas as persoas vinculadas ao mundo do mar. Nada nos é alleo e, por iso, pregamos nas nosas celebracións polos que deixaron a vida nas augas de Terranova e polos que desde agora teñen que enfrontarse á vida sen a presenza dos seus seres queridos.

Encomendámolos á Virxe do Carmen e pedimos que nestes duros momentos se manteña viva a nosa fe. Descansen en paz.

“A NOSA INDIFERENZA CONDÉNAOS AO ESQUECEMENTO”

Campaña contra a fame

Necesitamos espertar as nosas conciencias e romper coa indiferencia que condena aos máis pobres e marxinados ao esquecemento. As parroquias de Riveira, Corrubedo, Olveira e Artes participaron desta xornada de Mans Unidas. A parroquia de Riveira fixo unha quedada na praza do concello para ler o Manifesto que expresa a denuncia, a esperanza e o compromiso de cara aos pobos do sur. Agradecemos a todos os que participaron e ó labor de Mans Unidas Riveira.

O 21 de xaneiro representantes das distintas parroquias do Arciprestado de Postmmarcos de Abaixo reuníronse nos locais parroquias de Palmeira, na sesión inicial do Sínodo. O obxectivo do Sínodo e as actitudes de participación, escoita e discernimento foron o centro desta sesión.
Esta proposta nace da convocatoria de Francisco dun Sínodo en varias fases desde 2021 a 2023. O Papa convídanos a participar a homes, mulleres, nenos, mozos e adultos de todo o mundo, para expresar o noso sentir e pensar, a nosa propia experiencia coa Igrexa, e discernir sobre o rumbo que a Igrexa debe tomar no momento actual para crecer e facer camiño sempre en compañía, nunca en soidade. Y por iso, pídenos que escoitemos as inquedanzas, opinións y propostas de todas as persoas de todos os ámbitos da nosa sociedade que se sentan máis ou menos próximas á Igrexa, porque nos une un camiño: “humanizar a vida”.
Entre as parroquias que participaron están as de Corrubedo, Olveira, Artes e Riveira.

ESTA «FORMA DE SERVIZO QUE SE REALIZA NA COMUNIDADE CRISTIÁ» REQUIRÍA SER RECOÑECIDA «COMO UN VERDADEIRO E XENUÍNO MINISTERIO DA IGREXA».

O labor e a presenza dos catequistas é tan antiga como antiga é a Igrexa. As parroquias contan coa súa xenerosidade, esforzos, dedicación, paixón, entrega, formación e acompañamento de nenos, adolescentes, mozos e adultos no camiño da Iniciación Cristiá. Unha comunidade ou parroquia sen catequistas é impensable. Somos conscientes do que aportan e da súa colaboración, que en moitos casos exténdese noutras facetas da vida das comunidades parroquiais. Participan na preparación da liturxia e, especialmente, da misa dominical, de xeito que a súa presenza activa é parte esencial da vida parroquial. E con todo, hai quen se pregunta: porque a necesidade ou a iniciativa da institución do Ministerio de Catequista? Que é iso de “ministerio”?
O domingo 16 de xaneiro proclamamos na segunda lectura o texto de San Paulo aos Corintios no capítulo 12, no que di que hai diversidade de carismas e ministerios promovidos polo Espírito para a edificación da Igrexa. Fala de apóstolos, profetas, mestres e dunha longa lista de ministerios e carismas aberta ás novas necesidades de cada etapa da Igrexa. Non podemos poñerlle trabas ao Espírito, que en cada momento suscita na Igrexa os distintos carismas. Os motivos da institución de ministerio de catequista non teñen que ver con premiar ou non ás persoas, que en colaboración cos pastores se dedican á transmisión do Evanxeo, nin tampouco son unha búsqueda de equipararse co ministerio da Orde Sacerdotal. Os ministerios laicais teñen sentido por si mesmos, pola simple razón de que todos os Bautizados e Confirmados compartimos unha mesma vocación: “Así, pois, incumbe a todos os laicos a preclara empresa de colaborar para que o divino designio de salvación alcance máis e máis a todos os homes de todos os tempos e en todas as partes da terra. Ábraselles, polo tanto, por todas as partes o camiño para que, conforme ás súas posibilidades e segundo as necesidades dos tempos, tamén eles participen celosamente na obra salvífica da Igrexa” (LG 33). A misión de evanxelizar non está restrinxida ao ministerio da Orde Sacerdotal, senón que é unha vocación que compartimos todos os bautizados.
Ministerio é un servizo determinado e importante para a vida da comunidade. Supón unha capacitación e preparación especiais por parte do suxeito, así como unha permanencia maior no compromiso; e por parte da comunidade unha elección e encomenda especial, unida a unha significación ritual ou litúrxica. En palabras do Papa Francisco, na Carta Apostólica en forma de «Motu Proprio» Antiquum Ministerium: “É conveniente que ao ministerio instituido de Catequista sexan chamados homes e mulleres de profunda fe e madurez humana, que participen activamente na vida da comunidade cristiá, que poidan ser acolledores, xenerosos e vivan en comuñón fraterna, que reciban a debida formación bíblica, teolóxica, pastoral e pedagóxica para ser comunicadores atentos da verdade da fe, e que adquirisen xa unha experiencia previa de catequese”.
O catequista é unha das figuras máis coñecidas, que máis colabora cos pastores na misión da Igrexa; e que ten unha historia que se remonta aos inicios da mesma Igrexa. A institución do Ministerio de Catequista é recoñecemento oficial, pero tamén unha chamada nesta etapa da historia a un maior compromiso de comuñón , na liña do Sínodo da Sinodalidade; de discernimento, para descubrir as mocións-indicacións do Espírito Santo; de misión, para anunciar o evanxeo.
Ademáis, o Papa Francisco segue a liña xa marcada polo Papa Paulo VI, especialmente na Carta apostólica Ministeria quaedam (17/08/1972)

e na Exhortación Apostólica Evangelii Nuntiandi (08/12/1975)

O Papa:
que os ministerios de Lector e
de Acólito estén abertos
ás mulleres

Nesta mesma liña están os ministerios de Lector e Acólito. Hai que volver á Carta Ministeria quaedam, do 17 de agosto de 1972, do Papa Paulo VI para coñecer o cambio de Ordes Menores a Ministerios, e de como estos poden ser confiados a seglares

E finalmente, por medio da carta Apostólica en forma de Motu Proprio Spiritus Domini, o Papa Francisco modifica o parágrafo 1 do Canon 230 do Código de Dereito Canónico de 1983. Unha modificación que suprime a reserva ao home dos ministerios de Lector e Acólito

[…] unha práctica consolidada na Igrexa latina confirmou tamén que estes ministerios laicos, ao estar baseados no sacramento do Bautismo, poden ser confiados a todos os fieis idóneos, sexan de sexo masculino ou feminino.

En consecuencia, despois de escoitar o parecer dos Dicasterios competentes, decidín proceder á modificación do canon 230 § 1 do Código de Dereito Canónico (…):

“Os laicos que teñan a idade e condicións determinadas por decreto da Conferencia Episcopal, poden ser chamados para o ministerio estable de lector e acólito, mediante o rito litúrxico prescrito; con todo, a colación deses ministerios non lles dá dereito a ser sustentados ou remunerados pola Igrexa”.

O QUE PARECE SINXELO É UN CAMBIO MOI RELEVANTE:
Supón a eliminación da única discriminación entre mulleres e homes laicos .
Supérase a vinculación exclusiva destos ministerios ás etapas no proceso cara o sacramento da Orde Sacerdotal.
Pode constituir un impulso a unha maior implicación dos laicos na vida e misión da Igrexa.