AMÁDEVOS
NO ANO DA PANDEMIA
“O perigo de contaxio dun virus debe ensinarnos outro tipo de ‘contaxio’: o do amor, que se transmite de corazón a corazón. Estou agradecido polos moitos signos de dispoñibilidade á axuda espontánea e de compromiso …” (Papa Francisco).
UN ANO PARA A ESPERANZA?
Por Manolo Mirás
É moi común escoitar que o 2020 foi un ano para esquecer. E pregúntome: é posible esquecer este ano, cando miles de persoas perderon a vida sen sentir a caricia e a proximidade dos seus seres queridos? Un ano no que vivimos o sufrimento e o desconsolo, o medo, e a incerteza, un século despois da última pandemia destas dimensións, non é posible esquecelo. Moitas persoas perderon o seu traballo, pecharon colexios, empresas, autónomos, comercios, hostalería, turismo, empresas de transporte e comunicacións (portos e aeroportos), etc. Soamente funcionaron os servizos básicos e empresas que puidesen abastecer os mercados de alimentación, medicamentos e saúde pública. Todo iso foi un expoñente claro da traxedia á que nos abocou o COVID 19. Pero tampouco poderemos esquecer nunca as mostras de solidariedade, de amor, de xenerosidade e desprendemento de tantas persoas, institucións, entidades públicas e privadas, que deron o mellor de si mesmos, para non abandonar á súa sorte aos máis vulnerables, empezando polos enfermos, as súas familias, os sen teito, os parados forzosos e unha infinidade de afectados. A homenaxe que mellor podemos ofrecerlle é a nosa sincera gratitude e o noso eterno recoñecemento. Tampouco debésemos esquecer ao Continente Africano para o que esta pandemia foi máis benévola, pero onde innumerables pandemias e máis graves ( ébola, cólera, sida…) arrasan desde tempo inmemorial o seu territorio, con escasísimos recursos sanitarios, económicos e humanos. Gustaríame que o noso mundo, que denominamos desenvolvido, fose máis empático; que o que nos está pasando sirva para repensar o noso modelo de vida tan egoísta, soberbio, prepotente e insolidario. Oxalá a utopía dun mundo mellor, máis xusto, se vaia abrindo camiño e que aprendésemos que compartir é crecer, é o noso deber, e é proveitoso para a familia humana. Así pois, desexo que 2020 fose un ano para non esquecer e que 2021 sexa un ano para a ESPERANZA, no que nos convenzamos de que soamente desde o Amor e a Fraternidade é posible un mundo mellor.