Desde a parroquia de Santa Uxía de Ribeira vivimos con preocupación a decisión que tomou a Comisión Europea e que afecta a zonas de pesca de alta productividade. Vaia por diante que avogamos por un mar e unha pesca sostible, que cremos que o mar é un don que temos que coidar e que o sector pesqueiro ha ser o primeiro en facelo. Sen este coidado non hai futuro nin para as especies nin para a pesca. E con todo, cremos que todas as decisións han ser equilibradas e han ter en conta ao mar e, cando menos no mesmo grao, ao sector da pesca e a todos os demáis sectores vinculados. E cremos tamén que no caso de ter razóns corroboradas ou con base científica, a decisión ha ser proposta de forma progresiva para que o sector teña a posibilidade de adaptarse no tempo.
Para o Concello de Ribeira e outros concellos costeiros a pesca é o medio de vida. Se só no concello de Ribeira contamos con 19 barcos de arrastre (entre 7 e 9 mariñeiros), 13 palangreiros (con máis de 15 mariñeiros) e 6 de pesca artesanal, estamos a falar de que esta decisión afecta directamente a máis de 300 familias. E con todo, a pesca no concello de Ribeira afecta tamén a todas as empresas que suministran material e aos servizos precisos para esta actividade (efectos naváis,..), á propia Lonxa, aos frigoríficos, ás empresas de transportes e un longo etc, que verían mermada a súa actividade nunha porcentaxe moi relevante. En definitiva, esta decisión é demasiado agresiva e non ten en conta a sociedade. Ademais, sumámoslle a todo isto que non hai ningún documento con base científica que teña o suficiente rigor para tomar unha decisión de tan forte repercusión e que afecte tan negativamente á vida dun pobo no noso caso, ou de toda a zona costeira que vai desde o cantábrico ata a costa gaditana.
Por este motivo, secundamos e participamos activamente na manifestación do sábado 8 de outubro, e aportamos unha recollida de firmas para expresar a nosa máis rotunda disconformidade. De igual maneira, instamos a todos os sectores e a todas as persoas do Concello de Ribeira a que saian a manifestarse para reclamar o que consideramos é un dereito, e para manifestar tamén o noso rechazo a unha decisión que nos deixa como pobo á deriva.
Sabemos que sen o coidado dos oceanos non hai futuro para as especies nin para a pesca. Aínda así, desde Bruselas tomouse unha decisión na que nós non contamos.
apoia e mobilízase a favor do
sector pesqueiro