No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus, e a Palabra era Deus.

Ela estaba no principio onda Deus. Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito.

Nela estaba a vida, e a vida era a luz dos homes; a luz aluma na tebra, e a tebra non a deu apagado.

Houbo un home mandado por Deus: o seu nome era Xoán. Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todos cresen por el. Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz.

(A Palabra) era a verdadeira luz que aluma a todo home que vén a este mundo. Ela estaba no mundo, e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu.

Veu á súa propiedade, e os seus non a acolleron.

Pero a cantos a recibiron, -ós que cren no seu nome- déulle-lo poder de seren fillos de Deus. Estes, non naceron do sangue, nin da vontade da carne, senón de Deus.

E a Palabra fíxose carne, e plantou entre nós a súa tenda, e nós vímo-la súa gloria, gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de gracia e de verdade.

Xoán dá testemuño del, exclamando: Este évos de quen eu dixen: “O que vén detrás miña, pasa diante miña, pois existía primeiro ca min”.

E da súa abundancia recibimos todos nósgracia e máis gracia. Pois a Lei deuse por medio de Moisés; a gracia e a verdade realizáronse por Xesús Cristo.

A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou.