No centro de todo proceso de catequese está o

encontro vivo con Cristo.

«O fin definitivo da catequese é poñer a un non só en contacto senón en comuñón, en intimidade con Xesucristo: só El pode conducirnos ao amor do Pai no Espírito e facernos partícipes da vida da Santísima Trindade»

A presencia do catequista nas comunidades parroquiais é de vital importancia. Nos distintos e numerosos documentos da Igrexa faise referencia ás comunidades parroquiais como destinarias da evanxelización, pero tamén como protagonistas da mesma, evanxelizadas e evanxelizadoras: “A Boa Nova do reino que chega e que xa comezou, é para todos os homes de todos os tempos. Aqueles que xa a recibiron e que están reunidos na comunidade de salvación, poden e deben comunicala e difundila”  (EN 13).

Os propios pais e avós son os primeiros catequistas dos seus fillos e netos, no caso da catequese infantil. Na comunidade parroquial os catequistas acollen e acompañan, comparten experiencias e dan testemuña do evanxeo. As nosas parroquias non se poden entender sen a presencia e acción dos catequistas. Por sorte, non faltan persoas que desenvolven esta tarefa, que é unha auténtica vocación, ao servicio de Deus e da comunidade parroquial.

A vida de fe, oración e celebración, e a formación son base sobre a que se sostén o labor e vocación dos catequistas. Vivimos tempos de cambio, nunha realidade que pide unha adaptación aos novos tempos, sabedores de que a mensaxe non muda, pero que esixe de novos camiños ou métodos no que se refire á evanxelización.

Dar razón da nosa fe e esperanza convértese nun reto e misión de todo bautizado, especialmente dos catequistas.

A parroquia de Riveira conta con preto de 40 catequistas. Somos conscientes da necesidade de:

  • Vivir a fe a nivel persoal e comunitario
  • Traballar polo sentido comunitario, evitando as illas, individualismos e protagonismos estériles
  • Participar da formación e das celebracións que buscan que o/a catequista medre en todos os ámbitos da vida.

Damos gracias a Deus porque cada ano damos pasos moi positivos, que enfortecen aos catequistas como grupo ao servicio da comunidade e que redundan en beneficio dun mellor acompañamento de nenos e mozos.