E posible que teñas a inquietude e te preguntes se Deus te chama a ser cura?
O sacerdote realiza dúas funcións principais, nas cales se engloban e clasifican o resto das tarefas que realiza: estar co Señor, orar; e estar preto dos homes e mulleres deste mundo, facendo presente a Cristo no medio deles. Ambas, a atención a Deus e ao irmán, lévaas a cabo dun modo eminente no exercicio do seu ministerio, cando realiza a súa tripla misión de ensinar, santificar e gobernar. Deste xeito, oración e acción non pode separarse a unha da outra: sen a oración, non pode haber un verdadeiro achegamento ao irmán desde Cristo; e sen o exercicio da caridade co próximo, queda sen tomar carne a oración a Deus. A perfecta execución de todo isto darase soamente se en todo momento atravesa a vida e o ministerio sacerdotal o amor, concretado nunha actitude de querer salvar e gardar ao outro, de custodialo do mal e acompañalo cara ao ben. Por tanto, esa custodia que o sacerdote fai dos demais pasa pola oración e pola acción.