Festa de Santa Uxía 2023

Aproveitamos os últimos días do verán e preparámonos para o comezo do Curso Académico e Pastoral 2023-2024. Nestas datas celebramos a festa de Santa Uxía, na que botamos unha mirada cara atrás e outra cara ao futuro, o novo curso, cos seus novos retos e desafíos. Unha festa na que estivemos presentes moitas das persoas e grupos que desenvolvemos a nosa actividade na parroquia e no pobo en que vivimos: Voluntariado de Cáritas, Voluntariado de acompañamento de persoas maiores, Asociación Alfaia, Asociación Amas de Casa, autoridades e representantes dos distintos sectores, ONG Mans Unidas, Catequistas e colaboradores parroquiais, … Alegrámonos especialmente da presenza das persoas maiores da Residencia de Maiores Domus´Vi e do acompañamento xeneroso do voluntariado. Un día no que a participación foi moi alta e no que o templo de Riveira quedou pequeno para acoller a todas as persoas que se achegaron á celebración.

Este ano tivemos a sorte de que presidise a celebración Monseñor Francisco José Prieto Fernández, que visita a parroquia por primeira vez desde o seu nomeamento como Arcebispo da nosa Diocese de Santiago de Compostela, hai pouco máis de tres meses. Agradecemos a súa dispoñibilidade e que quixese participar connosco nesta xornada.

Somos conscientes da situación que nestes días está vivindo Marruecos, despois do terremoto sufrido o venres pasado. E do horror que vive Libia desde o domingo, despois do paso do furacán Daniel, que según as cifras que nos dan os medios, deixa xa máis de 20.000 mortos e 10.000 desaparecidos. A fe en Deus lévanos a mirar máis aló de nós mesmos, e a comprometernos coa situación dos demais. Por iso, a ofrenda deste día tivo como destino a Cáritas-Marruecos, cunha colecta de algo máis de 700 euros, que Cáritas Parroquial de Ribeira decide completar ata 2.000 €, como unha aportación inicial.

Despois da celebración da Eucaristía saímos en procesión polas rúas de Ribeira. Ao chegar recibimos a bendición final no atrio da Igrexa. Despois da celebración litúrxica e procesión houbo un momento tamén importante: un “picoteo” (empanada, mexillóns de Aguiño, unha bebida, …) para todas as persoas que participaron e un tempo para estar xuntos antes de irnos ás nosas casas.

Como párroco sinto a necesidade de agradecer o traballo e a participación activa de catequistas, do coro parroquial e dos nenos, das persoas que colaboran na liturxia e no coidado do templo, que non só o fan para esta festa , senón ao longo de todo o ano. E o mesmo en relación á colaboración e xenerosidade das Asociacións Amas de Casa e Alfaia. Esta festa axúdanos a comezar cada curso xuntos e a traballar por alcanzar os grandes valores que levaron a Santa Uxía a ser modelo de fe, de esperanza e caridade e a nosa patroa.