Maio é o mes que a Igrexa Universal dedica á Nai de Deus, a Benaventurada Virxe María. Este tempo é unha oportunidade para renovar o amor de todos os bautizados cara a Muller que Deus desde a eternidade escolleu como nai.

María, a máis humilde entre as mulleres, é precisamente o modelo de toda muller:

“A muller da fidelidade, a que non entendía o que lle pasaba pero obedeceu. A que en canto soubo o que a súa curmá
necesitaba, foise correndo, a Virxe da Prontitude. A que se escapou como refuxiada nun país estranxeiro para salvar a vida do seu fillo”
. (Papa Francisco)

Na parroquia de Riveira celebramos o día das Fillas de María o último domingo de maio. Unha celebración festiva na que participan tamén moitos nenos e nenas. Despois da misa saimos en procesión desde a Igrexa coa carroza e as nenas e nenos. Que María, Nai garimosa, sexa modelo de vida para todos e todas as que a honramos neste día e ao longo de todo o ano.