As orixes
A localización xeográfica da actual Santa Uxía de Ribeira, é fundamental para explicar a tardía aparición na historia da parroquia.
A principios do século XI a caída do califato que atacaba a costa galega non supuxo o cesamento das razzias marítimas andalusís, que se prolongarían ata a data do 1100.
A Historia Compostelá, que conta a vida do primeiro arcebispo de Santiago, don Diego Gelmírez –falecido en 1140–, lembra como actuaban os piratas musulmáns nas súas incursións: … dirixindo as súas correrías ás illas que están preto da costa: Flamia(Cíes), Ons, Sálvora, Arousa, Quebra e Monte Louro; alí establecían a súa sede e alí descansaban e reparaban as súas naves do esforzo da viaxe.
Xa no século XIII as terras da actual Ribeira seguirían sufrindo ataques viquingos que se estenderían ao longo dos dous séculos seguintes, aínda que a súa desaparición non supuxo o cesamento das actividades de rapina que continuaron por obra de ingleses ou flamencos.
Como consecuencia destas incursións a costa permanecería baleira ou semivacía, ocupada de forma temporal e esporádica, sobre todo aquelas que, como as das terras de Ribeira, estaban especialmente expostas por ser paso obrigado cara ao norte ou o sur.
Por suposto, isto non quere dicir que a zona estivese deshabitada, aínda que cabe supoñer que a poboación sería menor canto máis preto da costa.
A creación das parroquias
O termo municipal ribeirense forma parte desde os tempos altomedievales da chamada terra de Postmarcos, que se estendía por toda a península do Barbanza. A primeira vez que se documenta este territorio é, precisamente, en terras que hoxe forman parte de Ribeira. Sería no 911, cando Ordoño II doaría a San Paio de Antealtares o lugar de Placemitos, localizado xunto a unha igrexa dedicada a san Martín e que se identifican, o lugar, con Corrubedo, e a parroquia, coa de Oleiros.
San Martiño non sería a única igrexa existente na zona a principios do século X, aínda que hai que esperar máis dun século a que se documente outra. De novo, nun resumo documental feito en época moderna, dise que, en 1062, unha tal Ferilli Alfonso cede ao seu neto a igrexa de San Xiao e Santa Basilisa de Artines, que é propiedade do mosteiro compostelán de Antealtares.
Artes únese así a Oleiros, sendo as dúas únicas igrexas do actual municipio de Ribeira que se documentan na Alta Idade Media.
Xunto a elas hai que mencionar tamén a illa de Sálvora que é, en realidade, o lugar máis precozmente documentado do extremo occidental da ría de Arousa e que aparece no ano 899, cando Alfonso III confirmaba os bens da igrexa nos que a illa aparece sen advocación e por tanto sen templo algún. A illa sería cedida aos monxes da Corticela para o seu sustento.
A escasa documentación que se posúe sobre o termo de Ribeira apenas permite saber como se foi poboando o seu espazo durante os séculos XII e XIII, e así a mediados do XII aparece a terceira parroquia do municipio actual: Santa María de Olveira, que se une ás de Oleiros e Artes.
Non deixa de ser significativo que se trate das tres igrexas máis apartadas da costa, sendo moi posible que tamén Olveira poida remontar a súa existencia a séculos anteriores.
Das tres restantes, Santa Uxía de Carreira documéntase en 1200, tendo que esperar as dous seguintes á baixa idade media: San Pedro de Palmeira en 1307 e a última San Paio de Carreira en 1438. Cabería supoñer que todas elas poderían datar, polo menos, do XII, ou ser mesmo anteriores.
Obrigada referencia tamén á capela de San Alberto, citada en 1247 coa venda a Toxosoutos das propiedades de dúas mulleres residentes en León e que utilizan esta referencia con Fisterra para indicar as súas propiedades. O monte sería referencia para navegantes xa no século XII.
Os habitantes da zona viven da agricultura e da gandería sen esquecer a pesca de sardiña, pescada e congro, que serán as especies que protagonizarán a exportación de peixe galego.
No actual termo municipal serán catro os portos que aparecerán nos últimos séculos medievais: Corrubedo, Aguiño, Ribeira e Palmeira.
A orixe de Santa Uxía
Aínda que sen documentar antes de 1200, o máis probable é que a existencia da freguesía de Santa Uxía sexa anterior, como mínimo, de finais do século XI ou principios do XII. Aínda que o normal foi referirse a ela simplemente pola súa advocación, cando se lle engade un topónimo durante o século XIII que é sempre o de Carreira, o que a relaciona coa súa veciña de San Paio. Esta denominación prevalece ata, polo menos, mediados do século XIV, pois no primeiro tombo de tenencias da catedral compostelá segue sendo Santa Ougea de Careyra.
Pouco despois e en 1387 aparece por primeira vez o haxiotopónimo de Santa Ougea de Ribeira. Será no testamento do cóengo compostelán don Bernardo Domínguez e a partir de entón será habitual que, como antes, sexa designada soamente como Santa Uxía pero, de aparecer con topónimo aparellado, faino sempre como «de Ribeira», que manterá ata a actualidade.
O topónimo está exclusivamente ligado á parroquia, pois o porto que é hoxe Ribeira aparece sempre, durante todo o século XV, como de Santa Uxía. Os libros de recadación da mitra de finais do catrocentos é sempre o porto de Santa Ougia. En función disto, cabe supoñer que Ribeira toma o seu nome, precisamente, de ser a ribeira de Santa Uxía, a ribeira do mar máis próxima á igrexa parroquial.
Así pois a simbiose entre templo e lugar é evidente sempre que, a partir de finais do XIV, interrelacionanse de xeito evidente, aínda que durante a Idade Media permanece á fronte a advocación de Santa Uxía fronte ao lugar de Ribeira que se impoñerá en épocas posteriores.
Ribeira debe ser o máis importante dos portos menores da contorna, como o demostran do total das alcabalas cobradas pola mitra entre 1487 e 1491 que duplica as de Aguiño e case as de Palmeira. Moi por diante del estaría a Pobra do Deán, en cuxa esfera se sitúa Ribeira e ao que os seus habitantes apoiarán para terminar ou, polo menos, suavizar os privilexios de Padrón cos inconvenientes, molestias e gastos que estes supoñían para os demais portos da ría.
Obrigada referencia á mención de “ Sancta Eugenia de Riveira” nas Memorias do Arcebispado de Santiago (1607), do cardeal Jerónimo do Hoyo, unha obra de referencia na que aparece o uso da V no topónimo Riveira e na que se fai constar que esta freguesía contaba con 405 veciños. Como curiosidade o documento cita a “ hermita en San Alverto, confesor, con hermitaño”.
Desta mesma época parece ser o vello templo parroquial, unha capela situada entón na actual Praza de Compostela, onde estaba tamén o camposanto.
O crecemento da parroquia en apenas século e medio eleva a 1.224 os habitantes de Santa Uxía en 1753 no catastro do marqués de Ensenada, e de 1.361 no 1.787 co censo do conde de Floridablanca, iniciándose entón o despegamento económico da vila.
Resumindo, a pesca constitúe a razón de ser de Ribeira e explica o seu nacemento como porto na segunda metade do século XIV. Cambiar o nome da parroquia demostra o seu éxito fronte a lugares de maior raizame, como os Deáns Grande e Pequeno, así como a súa riqueza, que irá ampliando desde os seus inicios tardomedievais ata a actualidade.
(Da obra “Santa Uxía de Ribeira, oito séculos de Comunidade”. Parroquia de Santa Uxía de Ribeira,
2015).