O PRIMEIRO REGALO

E así, un ano máis, chega o Nadal.

A axenda énchese de compromisos, a caixa de correos de felicitacións, o armario de agasallos e o corazón dese sentimento especial que só nestas datas vivimos. Miramos as celebracións do pasado e estrañamos aos que xa se foron. Entusiásmanos a ilusión dos nenos e sentimos a tentación de facernos como eles. Espértanse eses sentimentos solidarios que, estando sempre aí, parecen máis evidentes nestas datas. Que terá o Nadal que arrinca do escondido do corazón o máis fermoso e puro que nel escóndese?

É tempo de humanidade. De saltarnos os preceptos que impoñen as máscaras e actuacións, de pasar por alto as rifas que baleiran a alma. É tempo de agradecer e lembrar, de valorar a vida e a aqueles con quen a comparto. De soñar un pouco coa inocencia que criamos perdida… E detrás de todo iso, Deus, que segue espertándose en nós, iluminando a noite que nos envolve para facernos entrar en calor… Só El pon en marcha o máis xenuíno do Nadal.

Sentiámonos lonxe daquel Deus que creou o mundo da nada. O que acompañaba ao seu pobo peregrino e alentaba a palabra dos profetas. Non o coñecemos ben ata que se fixo o noso veciño e plantou a súa tenda á beira da nosa. Entón vímolo cara a cara, recoñecémolo tan humano como os demais raparigos. Perdémoslle o medo e chamámoslle “amigo”. E entendemos que Deus non podía ser doutra maneira que semellante a nós. Quizais por iso nos espabila o Nadal: porque nos lembra o sagrado que é ser humanos, profundamente humanos.

Hoxe seguen sendo as fronteiras e os valos onde se grita por un mundo mellor. O Nadal regálanos lugares. Entón foi un cortello en Belén, no medio da noite, cando todo era silencio e as portas pechábanse por medo ao descoñecido. Hoxe seguen sendo as fronteiras e os valos onde se grita por un mundo mellor; os hospitais e espazos de acollida; os barrios sen esperanza; os fogares nos que se comparten risas e vida… Belén segue estando no noso mapa e sitúase na rúa que está á beira da nosa, en espazos que nos resultan familiares. Si, Deus segue preferindo este mundo para vivir nel.

O Nadal regálanos sinais. “Atoparedes un neno envolto en cueiros”… Sinais que impiden a perda e facilitan o encontro. O máis fráxil do humano continúa sendo o seu sinal. Palabras que se dan con visos de ser eternas; abrazos que perdoan e abren portas de futuro; tempos regalados gratuitamente a outros; mans que curan, axudan ou ensinan. Deus escondeu pistas na nosa realidade concreta para que saibamos velo.

O Nadal regálanos testemuñas. Aqueles pastores que se resistían a durmir e oíron cancións de festa; ou os sabios, expertos en camiños, pendentes da linguaxe dos astros. María e Xosé que arrolaban, asombrados, a un neno tan humano que parecía Deus… Xentes inconformistas que buscaban a pesar de todo, persoas humildes e sen curriculum capaces de sorprenderse ante o novo. Aí seguen estando, e coñecémolos. Como non recoñecer o brillo de Deus neles?

O Nadal regálanos mensaxes. “Non temades”, “tráiovos unha gran alegría”, “gloria a Deus, paz aos homes”… Palabras que empuxan unha nova creación, e que se pronunciarán estes días no fogar ou no traballo, na intimidade e o acougo, aos de sempre ou aos recentemente chegados. Mensaxes que axudan a crecer e tenden pontes de humanidade, que frean a violencia e o egoísmo que nos tentan… Deus segue chegando por medio desas mensaxes que alegran o mundo.

O Nadal, en fin, regálanos unha Palabra. E convértese para nós en comunicación inteligible, en diálogo aberto e franco, en verdade que nos fala ao corazón. Palabra que permanece, eterna no medio do devir dos tempos e as présas. Palabra que fortalece e levanta, cura e abre camiños. Deus quixo ser Palabra na nosa linguaxe, para entenderse connosco e contaxiarnos a súa vida. Daría calquera outro deus na Historia, pasos tan grandes para vivir entre aqueles que ama, como un de tantos? O lugar de Deus é o humano, porque así o segue elixindo. Un ano máis, o Nadal espértanos a esta verdade, a dun Deus namorado da nosa pequenez que desexa facer camiño xunto a nós. Por amor. Por puro amor. Porque non trata doutra cousa isto do Nadal que de aprender a amar, tanto como somos amados.