Ribeira está con vós
O mar é para moitas das nosas parroquias a maior fonte de recursos. Sabemos o que nos aporta e, por experiencia, os riscos que corren os que saen cada día ou os que se enrolan nas grandes mareas, de meses sen voltar ás súas casas. A parroquia de Santa Uxía de Riveira, onde a maior parte da xente vive do mar, coñece a dor pola que están pasando as familias dos tripulantes e mariñeiros do Villa de Pitanxo, pesqueiro con base en Marín. Consternados pola noticia expresamos a nosa cercanía e agarimo aos supervivintes, ás familias dos falecidos ou desaparecidos e a todas as persoas vinculadas ao mundo do mar. Nada nos é alleo e, por iso, pregamos nas nosas celebracións polos que deixaron a vida nas augas de Terranova e polos que desde agora teñen que enfrontarse á vida sen a presenza dos seus seres queridos.