San Cristóbal de Licia é un mártir importante na historia do cristianismo de Oriente e Occidente que viviu durante o goberno de Decio, terceiro emperador romano, preto do ano 250 DC.

A súa famosa lenda, que é coñecida sobre todo en Occidente e podería extraerse da antiga mitoloxía grega, conta que el portou a un mozo, ao que non coñecía, a través dun río antes de que o neno lle revelase que era Cristo.

O seu nome en grego foi “ Christophoros” e significa “o portador de Cristo”. Desde o século IV foi representado co neno Xesús sobre os seus ombreiros e levando un bastón con follas.

Era crenza común que bastaba mirar a súa imaxe para que o viaxeiro se vise libre de todo perigo durante aquel día. Por iso é considerado patrón de peregrinos, viaxeiros, motoristas e transportistas en xeral.

San Cristóbal é un Santo moi popular, e poetas modernos como García Lorca e Antonio Machado, cantárono con inspiradas estrofas.

No primeiro ou segundo domingo de xullo, celebramos a súa festa na nosa parroquia de Riveira poñendo o acento na responsabilidade de todas as persoas que conducen e que levan nas súas mans a vida de outras persoas. Temos asimesmo presentes na celebración da Eucaristía a todos os falecidos en accidente de tráfico. Despois da misa saimos en procesión: motos, coches e camións acompañan na procesión de San Cristóbal polas rúas de Riveira.