SEMANA SANTA – A CELEBRACIÓN DUN ÚNICO ACONTECEMENTO

TRIDUO PASCUAL

No calendario litúrxico cristián hai unha celebración que é centro e cume de todas as demais, e que se celebra desde o Xoves Santo ao Domingo de Pascua . Non son tres celebracións distintas senón unha única celebración nesos tres días. O domingo de Ramos xa nos prepara para todo o que imos vivir coa subida a Xerusalén. É un camiño de subida no que Xesús culmina coa entrega da propia vida a súa mensaxe e misión. Desde a Última Cea ata a Morte na cruz Xesús fala cada vez menos, pero a intensidade deste acontecemento é cada vez maior, cobrando todo o protagonismo e expresando no último suspiro que todo está cumprido. A subida a Xerusalén é o comezo do maior descenso, do maior abaixamento e humillación, que só se pode entender desde o amor puro e incondicional que Deus mostra por toda a humanidade.

Din que os galegos firmamos os grandes acordos cunha comida, algo doado de comprobar. A casa e a mesa eran tamén lugares de encontro en tempos de Xesús, onde se discutían os temas importantes. A Última Cea forma parte dun deses momentos, no que Xesús é centro, no que confirma a súa misión e anticipa o acontecemento pascual.
Dar leccións é fácil. Suxerir, correxir, facer crítica desde a distancia tamén. O máis difícil e o compromiso e a implicación na sorte dos demais. E ó redor da mesa Xesús da mostras dun amor sen condicións, ata a fin. Levántase, colle unha toalla e unha palangana e axeónllase ante os discípulos, ante todos e cada un deles, sen excepción, e lávallelos pés. O mestre asume unha actitude propia dos esclavos. E como un flashback ven á memoria aquela frase dita de mil maneiras: “os últimos serán os primeiros” ou “quen queira ser o máis grande que sexa o servidor” ou “quen se humilla será enaltecido”.


Cando se dispoñen para a Cea Xesús volve a sorprender. Colleu o pan, partiuno e déullelo dicindo: “Tomade e comede, esto é o meu corpo que se entrega por vós”. E o mesmo fixo co viño: “Isto é o meu sangue que se vai a verter por vós…” Non me imaxino a cara de desconcerto de todos os que estaban sentados á mesa con Xesús. Naquela mesa fírmase o maior dos acordos: o amor de Deus ata a fin, ata as últimas consecuencias.

Despois da Cea Xesús vive horas amargas: a traición, a negación, os discípulos dormidos, a condena inxusta,… O verdadeiro amor non mira cara outro lado, ainda que sinta debilidade e temor. Para manterse firme, convencido de que este é o camiño a recorrer, hai que ter unha claridade que só posúe quen ama ata a fin. Este é o momento da verdade. Moitos desaparecerán da escea, outros manteranse lonxe. Xesús sostense na oración e continúa coa súa misión.
Quedarán para a historia e interpelarán as nosas conciencias persoaxes como Pilatos, Herodes, Anás e Caifás, o Cirineo, a Verónica, os soldados, o Centurión, Xoán, o discípulo amado, e súa nai, que aos pés da Cruz da mostras de coñecer que significa amar ata a fin.


Despois de azoutalo Pilatos entregouno para que o crucificaran. A cruz, que ninguén con xuicio quere, vai ser desde entonces o lugar admirado por excelencia. Nela entregou a vida Deus mesmo, por amor a toda a humanidade. Agora entendemos aquelo de “tomade e comede, esto é o meu corpo […] tomade e bebede, esta é a miña sangue que se vai verter por vós…”. Queda para máis tarde entender porque engade o de que é para a vosa salvación e perdón dos pecados.

A morte sempre deixa un vacío e un silencio atronador. A maior parte das veces convéncenos de que é o final. E volvemos á vida ordinaria coa cabeza baixa, actitude de quen se sabe condicionado sen remedio. Tantas ilusións e tantas esperanzas, para que? No mellor da vida!, podía dicir María, como din tantas e tantas nais.

O Triduo Pascual non se entende sen a celebración da Resurrección. Só desde a Resurrección cobra todo sentido a vida de Xesús, os seus ditos e palabras, os seus xestos, as súas promesas. A noticia que traen as mulleres de que o sepulcro está vacío é a máis grande noticia de todos os tempos. A vida faise sitio e gánalle a batalla á morte. Corpo que se entrega, sangue que se derrama para o perdón dos pecados, para a salvación de todos. Agora entendo o que significa e, sobre todo, que do acontecemento pascual emerxa con forza a Igrexa, que ten como signo a Cruz e que fai memoria a diario da Última Cea. Un único acontecemento que é centro e cume da vida cristiá.