VIRXE DO CARMEN

O día dos mariñeiros e de todas as persoas que manifestan a súa devoción e cariño á Virxe do Carmen.

Chega o verán e con este tempo días de descanso nos que moita xente vive a alegría do reencontro con familiares e amizades que voltan a Riveira a coller forzas para o resto do ano. Son tamén datas nas que se celebran as grandes festas que xa con moita antelación se están a preparar. Penso que nunha parroquia como Santa Uxía de Riveira a festa do Carme ha ser referente non só para a mesma parroquia senón incluso para a contorna e Galicia pola sinxela razón de ser unha cidade eminentemente mariñeira e por ser o Porto de Baixura máis importante de España e case que de Europa. No pouco tempo que levo ao fronte da parroquia cada día percátome máis de que a maior parte das familias teñen unha vinculación directa co mar, xa sexa porque son mariñeiros, mariscadores, porque se dedican á comercialización do peixe, porque traballan nalgunha das grandes empresas de facturación e conserva do peixe e marisco ou porque o fai algún membro da súa familia. Honrar á Virxe do Carme dirixe a nosa mirada a todos estos homes e mulleres. Un día especial para agradecer e valorar o seu traballo, para encomendalos e poñelos na man da Estrela dos Mares e para ter presentes a tantas persoas que deixaron a súa vida no mar.
A devoción á Virxe do Carme, a fe en Xesús e a celebración da festa non a podemos vivir de forma aislada, senón que han ser a base dunha verdadeira sensibilidade e compromiso con:


Todas as persoas que no mar da vida viven situacións de desamparo, de marxinación e de dor. Non rematou a crise, a violencia está cada vez máis presente, a desigualdade é sangrante. Que nós celebremos esta festa, que lle encomendemos aos nosos, mariñeiros ou non, comprométenos na procura dunha mellor sociedade, na que lonxe de abusar dos máis débiles e vulnerables tratemos en todo momento de ser imaxe da Virxe, sempre preocupada e sempre intercedendo por todos sen excepción. Penso na xente que sofre a causa do paro, da droga, da depresión e soidade; pero tamén nos inmigrantes, persoas que sofren abusos e malos tratos con `contratos´miserables que por razón da súa raza ou relixión e da súa situación desesperada, son explotados indiscriminadamente.


Coa Creación e co coidado do mar nun compromiso moi amplo que favoreza á fauna mariña e á vida dos mariñeiros e mariñeiras. Esto de cara a todos, non só os mariñeiros senón de todos procurando que o mar non sexa un vertedoiro de lixo e plásticos, senón que sexa un medio que garanta un ecosistema que xenera vida para súa fauna e flora e vida tamén para nós polo alimento que nos proporciona, emprego, paisaxe,…


Coa fe o coa tradición porque todo o que é fe, tradición e historia é patrimonio noso. O mar convértese en espazo privilexiado para a experiencia de fe. Por como a protagoniza quen navega coas súas dificultades e polo testemuño de acollida que pode ofrecer quen espera na beira, en terra.

Pidamos a Deus, a quen o mar e o vento obedecen, ser capaces de mostrar nestas claves o noso compromiso de fe, tendo como estrela segura a María a Virxe do Carme, á que con emoción chamamos e cantamos tantas veces como Estrela dos Mares. Que o noso canto se prolongue no compromiso cristián coa xente da mar.

SÚPLICA PARA TEMPOS DIFÍCILES :

Teño mil dificultades: axúdame.

De inimigos da alma: sálvame.

Nos meus desacertos: ilumíname.

Nas miñas dúbidas e penas: confórtame.

Nas miñas enfermidades: fortaléceme.

Cando me desprecen: anímame.

Nas tentacións: deféndeme.

En horas difíciles: consólame.

Co teu corazón maternal: ámame.

Co teu inmenso poder: protéxeme.

E nos teus brazos ao expirar: recíbeme.

Virxe do Carme, roga por nós. Amén.