CATEQUESE

Que papel xoga a catequese na vida de fe e na vida da Igrexa? Que lugar ocupa na vida dunha parroquia?
A formación e educación na fe é vital para un cristián e para unha comunidade. A catequese é un proceso e non se pode reducir á preparación para recibir un sacramento; e menos a unha celebración especial que acaba nese mesmo día. Tamén é un erro pensar que só é importante para os máis novos. É un proceso que nos axuda a madurar a todos no coñecemento da persoa de Xesús e nos posibilita un verdadeiro encontro con El, que non se da sen unha fe madura e consciente.
A catequese é a que fai madurar a semente que recibimos en xerme no primeiro anuncio que se nos fai de Xesús. Desde ese momento sempre estamos abertos a un coñecemento máis profundo que nos leve a unha relación máis estreita con Deus. E nese itinerario é a comunidade a que nos acompaña cos seus catequistas, sacerdotes, e demáis membros, sen esquecer a importancia do acompañamento dos pais/nais e avós cando nos referimos á catequese dos máis novos.
Na parroquia de Santa Uxía de Riveira a catequese pódese dividir en dous grandes grupos:
- Catequese de Iniciación Cristián, durante a que se reciben os sacramentos do Bautismo, Confirmación, Eucaristía e Penitencia. (Dentro deste grupo buscamos a estreita colaboración dos pais/nais nun intento dunha Catequese Familiar que nos axude a enfrontarnos aos novos e difíciles desafíos que se nos presentan)
- Catequese de Adultos:
- Grupo Amigos de Xesús
- Preparación do Sacramento de Confirmación
- Catequese de Orientación ao matrimonio
Contamos cun grupo aproximado de 40 catequistas, que tratan (tratamos) de unir a formación sistemática coa expresión da fe na liturxia e na propia vida dos catequizandos, conscientes das dificultades e retos actuais. Unha catequese, por tanto, que ten coma fin o encontro co Deus do amor e da misericordia.
Cremos que é moi importante a formación e convivencia dos catequistas, co fin de pasar dunha pastoral de conservación e mantemento a unha pastoral misioneira, adaptándonos á linguaxe actual e buscando novos métodos que permitan transmitir o evanxeo, sen afectar á mensaxe orixinal dos mesmos.
Galería de imaxes de convivencias, de catequese, Godly Play, …















